Friday 03 de May de 2024

A Xunta recorda a necesidade de protexerxe fronte aos efectos do sol coa chegada do verán


― Ángeles Vázquez salienta que Galicia é unha das comunidades nas que a radiación solar se monotoriza de xeito completo

― O conselleiro de Sanidade achegou unha serie de recomendacións para evitar danar o pel por mor da radiación solar

― A Dirección Xeral de Saúde Pública ten publicado na súa web un conxunto de consellos para gozar dunha boa saúde durante o verán e na de MeteoGalicia pode consultarse o índice de ultravioleta que se rexistra hora a hora

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recordaron esta mañá a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol coa chegada do verán.

Ambos representes da Xunta visitaron a praia da Frouxeira en Valdoviño, con motivo do próximo inicio da tempada estival, onde fixeron unha serie de recomendacións para poder gozar do verán con boa saúde.

Ángeles Vázquez, destacou que Galicia é unha das comunidades autónomas nas que se monotoriza de xeito máis completo a radiación solar. Unha información que se pode consultar en tempo real na páxina web de MeteoGalicia. Así, indicou que, a pesares de que Galicia non é a zona de España máis afectada, coñecer esta información hora a hora permite previr danos á hora de tomar o sol ou de realizar actividades ao aire libre.

No transcurso da visita ao areal, Vázquez Mejuto salientou que Galicia sumouse hai xa 20 anos ao programa conxunto –impulsado pola Organización Mundial da Saúde e a Organización Mundial da Meteoroloxía- para unificar a medida do risco fronte á radiación ultravioleta, que toma como referencia o denominado Índice ultravioleta. A modo de exemplo, explicou que grazas a este programa de comunicación de risco sábese que na estación de Ferrol, o pasado 10 de xuño, chegouse a un máximo de 10, o que representa un risco elevado e perigoso.

A conselleira aclarou que a relación meteoroloxía-clima-saúde serán aínda máis fortes no futuro, polo que coñecer o índice ultravioleta, ou como son as radiacións que emite o sol hora a hora, é un elemento importante para determinar como organizar actividades no exterior, xa sexa unha visita a un parque natural ou unha estancia nun areal, coa garantía de que se toma o sol da forma máis segura.

Recordou que esta predición específica se integrou nos diferentes campos de información de MeteoGalicia, como na previsión por concellos para coñecer o UV máximo con ceo despexado, información de gran utilidade para aqueles que fagan navegación, por exemplo.
Na mesma liña, o titular do departamento sanitario da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, remarcou que é moi importante “tomar precaucións nas exposicións ao sol”, salientando que “é imprescindible empregar a protección solar axeitada para cada tipo de pel e ademais tratar de evitar tomar o sol durante as horas centrais do día, dado que nese momento a radiación solar é mais perigosa”
Así mesmo, lembrou que a Dirección xeral de Saúde Publica, ten publicado na súa na súa web un conxunto de consellos que permitiran aos galegos e galegas gozar dunha boa saúde durante o verán.
En palabras de Ángeles Vázquez, o coidado do medio ambiente é unha responsabilidade de toda a sociedade, é dicir, que a natureza non pode existir sen as persoas; e lembrou que as persoas tampouco poden sobrevivir sen a natureza. Nese sentido, recordou que o índice ultravioleta é un indicador dun fenómeno natural, como a chegada das radiacións ultravioletas que emite o sol, que nas últimas décadas viuse agravado pola degradación da capa de ozono.

Pola súa banda, o coordinador de MeteoGalicia, Juan Taboada, salientou que a Xunta decidiu facer un seguimento deste índice e para iso se instalaron varios medidores de radiación UV, tanto na zona litoral, Ribadeo, Ferrol e Pontevedra- Lourizán e Baiona, como no interior (Cervantes).